Sunday 19 de May de 2024

Rematan os traballos de mellora do parque infantil de Mariñeiros


O obxectivo desta actuación, que supuxo a renovación do firme de caucho, é dotar á área de maior seguridade para as persoas usuarias

O Concello da Coruña rematou nos últimos días os traballos de mellora no parque infantil dos Mariñeiros, onde se acometeu a renovación integral do firme de caucho na área de xogos. Esta actuación forma parte do Plan integral de parques infantís impulsado polo Goberno de Inés Rey co obxectivo de mellorar estes espazos e dotalos de máis e mellores estruturas, así como de xogos accesibles e inclusivos.

Esta iniciativa, promovida pola Área de Economía e Planificación Urbana e executada a través do servizo municipal de Infraestruturas, supuxo a substitución do pavimento de caucho, deteriorado polo paso do tempo e pola súa exposición ás inclemencias meteorolóxicas, co obxectivo de reforzar a seguridade e comodidade dos usuarios e usuarias. Dispúxose un firme novo, en cores azul, vermella e amarela.

A intervención, que contou cun investimento de aproximadamente 49.000 euros, levouse a cabo nas dúas últimas semanas. O servizo municipal de Infraestruturas continúa nestes días os traballos de renovación do parque infantil da Sardiñeira, levando a cabo un control permanente sobre todas as áreas de xogos da cidade para acometer futuras melloras.